
Acisa Ribadeo organiza unha nova edición do Comercio na Rúa, que se celebrará os días 8, 9, 22 e 23 de agosto. Nesta campaña os establecementos participantes sacarán os seus produtos ao exterior dos negocios para ofrecer aos clientes grandes descontos e promocións especiais.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “con esta cita tratamos de sacar os produtos á rúa, facéndoos máis visibles, atractivos e accesibles para os compradores, aproveitando ademais a segunda fase das rebaixas de verán. Cómpre destacar que, aínda que non todos os establecementos expoñan os seus artigos no exterior, todo o comercio asociado continúa en período de rebaixas, polo que é unha oportunidade única para que veciños e visitantes atopen grandes descontos e promocións no comercio local. Con esta iniciativa, pretendemos dinamizar a segunda fase das rebaixas de verán, coincidindo ademais coa época de maior afluencia turística en Ribadeo, convidando tanto á veciñanza como aos visitantes a percorrer as rúas comerciais da vila e aproveitar as mellores oportunidades de compra”.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, sinalou que “ata o momento son quince os negocios que confirmaron a súa participación nesta nova edición do Comercio na Rúa, aínda que confiamos en que nos próximos días se sumen máis establecementos. Os comercios que, polo momento, participarán no Comercio na Rúa son Nana, For Friends, Fauna, Farfala, Bombones Moreno, Quero Colo, Bahía, Lucía Barro, Grissi, La Coqueta, Mimimó, Anais, Anivers, A Flote e Adele. Todos eles exhibirán os seus produtos na rúa para facilitar a súa visualización e achegar aínda máis as ofertas aos clientes. A estes hai que sumar os máis de 90 comercios asociados a Acisa, que durante estas datas continúan liquidando stock e ofrecendo descontos e promocións especiais propias das rebaixas de verán”.
Jesús Pérez engadiu que “sen dúbida estes dous fins de semana son unha magnífica ocasión para achegarse a Ribadeo. Non hai mellor plan que pasear polas nosas rúas, descubrir as promocións e descontos do comercio local, facer as mellores compras do verán e completar a xornada desfrutando das terrazas, da nosa hostalaría e da excelente gastronomía que ofrece Ribadeo”.
E Carmen Cruzado agradeceu “a implicación dos establecementos participantes nesta campaña, que permite ofrecer unha ampla variedade de descontos e promocións especiais. Comercio na Rúa é unha iniciativa organizada por Acisa coa colaboración do Concello de Ribadeo. Agardamos que tanto a veciñanza como os turistas e visitantes de toda a contorna desfruten desta gran cita co comercio local”.
Na presentación do Comercio na Rúa participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente da asociación, Jesús Pérez.


