Burela celebra este sábado, 8 de agosto, a segunda festa acuática na praia urbana

A praia urbana de Burela acollerá este sábado, 8 de agosto, a segunda festa acuática do programa municipal Verán Acuático, entre as 16:30 e as 19:30 horas, unha proposta de lecer dirixida a público familiar.

O Concello de Burela anuncia que “durante a xornada instalaranse catro inchables acuáticos, un balancín e un inchable deportivo terrestre. Tamén se poderá practicar kaiak e paddlesurf, completando unha tarde de actividades vinculadas á auga e ao lecer ao aire libre”.

Esta será a segunda cita das festas acuáticas incluídas na programación de Verán Acuático, despois da celebrada o pasado mes de xullo. Os días 16 e 23 de agosto poderanse alugar kaiaks e táboas de paddelsurf e o programa rematará cun parque acuático do 27 ao 30 de agosto na praza do Concello e na da Mariña.

Dende o Concello de Burela animan á veciñanza e ás persoas que visiten a vila a achegarse á praia urbana e participar nesta cita dunha programación que “combina actividade física, convivencia e goce das praias do municipio”.