A feira de gando do San Bartolo, en Penas Agudas (Xove), será o luns 24 de agosto

O Concello de Xove anuncia que a feira de gando do San Bartolo “volverá reunir a tradición gandeira en Penas Agudas o luns 24 de agosto” e engade que “como cada ano e mantendo viva unha tradición que se remonta a tempos ancestrais, o recinto feiral de Penas Agudas, na parroquia de Monte (Xove), acollerá a tradicional Feira de Gando do San Bartolo, unha cita xa consolidada no calendario festivo e gandeiro da Mariña lucense”.

A xornada dará comezo ás 10.00 horas coa recepción do gando no campo da feira. Durante a mañá desenvolveranse os tradicionais concursos gandeiros, nos que se premiará ao gandeiro ou gandeira que presente o maior número de reses cabalares e tamén ao que achegue o maior número de reses vacúas, “recoñecendo así o esforzo e a implicación dos profesionais do sector”, explica o Concello de Xove, que engade: “xa pola tarde celebrarase o agardado concurso de marcha, no que os cabalos participarán tras seren medidos por un xuíz, establecéndose dúas categorías: exemplares de menos de 1,50 metros e exemplares de máis de 1,50 metros de alzada”.

O programa completarase cunha misa solemne ás 11.00 horas na igrexa parroquial de Monte. Ao remate terá lugar unha sesión vermú con animación musical, que continuará durante a tarde “para crear un ambiente festivo en todo o recinto e ofrecer unha xornada de convivencia para a veciñanza e visitantes”.

A organización, a cargo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Costa de Laxamoura, anima á cidadanía e aos visitantes a achegarse ata Penas Agudas “para gozar dunha feira que representa unha parte fundamental da historia e da identidade da parroquia de Monte”.

O Concello de Xove destaca que “ademais de poñer en valor a riqueza do sector gandeiro, a Feira do San Bartolo constitúe un punto de encontro para compartir tradicións, impulsar o mundo rural e desfrutar dunha xornada festiva en contacto coa natureza e cos animais”.

Desde o Concello de Xove, como ente colaborador, convídase tamén a todas as persoas “a visitar a feira e a desfrutar desta cita única, onde a paixón polos animais, a tradición gandeira e a hospitalidade da parroquia de Monte convértense, un ano máis, nos grandes protagonistas”.