
A Asociación Mauro Leivas inaugurou este xoves, 20 de agosto, no CENIMA (Centro de Interpretación da Mariña Lucense), en Foz, a exposición Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras, que reúne 46 obras de Mauro Leivas (1955-2025) e que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 13 de setembro.
A organización explica que “máis de 150 persoas ateigaron a sala de exposicións do primeiro piso do CENIMA para acompañar a asociación nesta primeira mostra. Ao acto asistiron o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero; o deputado provincial Daniel García; concelleiros de Foz e de Barreiros; e Néstor Leivas, presidente da Asociación Mauro Leivas. No acto interviñeron a vicepresidenta da Asociación Mauro Leivas, Mariam Ferreira; a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago; a comisaria de exposicións, Silvia Fiallega; os artistas mindonienses e amigos de Mauro Leivas, Daniel Caxigueiro e Xosé Artiaga; e a vogal da Asociación e irmá de Mauro Leivas, Vilma Leivas”.
Encarna Lago puxo en valor “o traballo da asociación para conservar e difundir o legado do autor, un labor que definiu como unha sucesión de pequenos fitos ante unha obra difícil de conservar”. A xerente da Rede Museística reclamou que “esa difusión sirva para converternos en embaixadores da obra e dos valores de Mauro e para formar persoas co seu espírito crítico”; e reivindicou que “a obra funcione como didáctica da xustiza social que Mauro Leivas defendeu ao longo de toda a súa vida”.
Daniel Caxigueiro, artista mindoniense e amigo do autor, describiu a mostra, que recolle os seus últimos traballos, como “un regreso ás orixes”. Lembrou a súa condición de “persoa inqueda e de artista multidisciplinar” e explicou que “nesta última etapa buscou algo moi sinxelo, moi mínimo, á xaponesa, pero tamén que recollese o máis inmediato; a paisaxe que o rodeaba”. Salientou ademais “a oportunidade que supoñen estas iniciativas para poñer en valor unha obra moi extensa”.
Xosé Artiaga, tamén artista mindoniense e amigo de Mauro Leivas, enviou unhas palabras nas que situou a Mauro entre os artistas plásticos “máis destacados de Galiza” e resumiu o seu xeito de traballar nunha fórmula: “pintar o debuxo e debuxar a cor”.
Pola súa banda, Silvia Fiallega subliñou que Mauro Leivas “fixo o que quixo, cando quixo e o que lle deu a gana”, e interpretou tamén esta última etapa como “un regreso á infancia”. Salientou “a súa loita pola igualdade social e pola ecoloxía”, e destacou que o autor “encontrou un código para compartir con todos nós esa paisaxe familiar que identificamos”, un código que se pode seguir tanto na exposición como no catálogo publicada pola Rede Museística de Lugo.
Vilma Leivas, irmá do autor, referiuse á súa loita persoal e invitou a mirar directamente o seu traballo: “non hai máis que mirar a súa obra para saber o que vía e o que sentía”. Agradeceu a acollida da mostra e reclamou seguir espallando a súa obra e a súa achega.
Trátase da primeira exposición organizada pola Asociación Mauro Leivas, constituída por familiares e amizades do autor tras o seu pasamento en xullo de 2025 co propósito de conservar, catalogar e difundir o seu legado artístico e intelectual, e presentada publicamente o pasado marzo en Mondoñedo.
Durante a inauguración presentouse tamén, no orixinal e en versión dixital, un caderno con 35 obras que completan o último ciclo de traballo do autor. A dixitalización deste material enmárcase no labor de catalogación que a entidade desenvolve desde a súa constitución.
A Mariña lucense foi a terra de Mauro Leivas e a paisaxe de boa parte dos seus traballos e das súas reflexións, un vínculo que a Asociación quixo recoñecer ao escoller Foz como sede desta primeira mostra.
O deputado provincial Daniel García participou na inauguración da exposición e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo explica que a mostra de Mauro Leivas “representa a paisaxe galega e mariñá con técnicas propias da pintura oriental. O propio artista e a comisaria Silvia Fiallega fixeron a escolma das obras, que se exhibiron por primeira vez no Museo Provincial de Lugo en agosto de 2025”.


