
O Concello de Cervo abre o prazo de inscrición para unha nova edición do programa de ocio e tempo libre Brincos de Lecer coa Ra Ramira, que se desenvolverá ao longo do curso na Casa da Cultura de San Ciprián e que “se consolida tras a moi boa acollida das pasadas edicións”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presentou a programación acompañada por Alba Fernández e Carmela Rodríguez, encargadas de impartir, respectivamente, as actividades de Brincos de Lecer e o obradoiro Playing in English, que se desenvolve en colaboración coa English School de San Ciprián.
O Concello de Cervo explica que este programa “mantén a súa aposta por ofrecer ás familias un espazo de ocio educativo durante as tardes do curso escolar, con propostas adaptadas ás diferentes idades que combinan aprendizaxe, creatividade, diversión e socialización, contribuíndo tamén á conciliación da vida familiar e laboral. Como principal novidade desta edición incorpórase Brinquiños, unha actividade pensada para os máis pequenos e pequenas, de entre 2 e 3 anos, que se desenvolverá os martes e xoves, de 16:30 a 17:30 horas. Deste xeito o programa amplía tamén a súa oferta para as familias con crianzas das primeiras idades. Ao mesmo tempo, mantense Playing in English, unha das propostas que tivo moi boa acollida na pasada edición e que regresa para dar continuidade ao traballo co idioma inglés a través do xogo e de actividades dinámicas. O obradoiro, realizado en colaboración coa English School de San Ciprián, está dirixido ao alumnado de Infantil, Primaria e 1º e 2º de ESO, con grupos adaptados a cada nivel. A programación complétase con outras actividades que continúan este curso, como Brincos, para nenos e nenas de 3 a 5 anos; Croacbooking, un obradoiro de manualidades para alumnado de 6 a 12 anos; Aprender a Aprender, centrado no desenvolvemento de estratexias de memoria, atención e estudo; e Findes Anfibios, con obradoiros temáticos durante fins de semana alternativos”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, salientou: “estamos moi satisfeitos de poder dar continuidade a un programa que tivo unha moi boa acollida por parte das familias. Para nós é importante que esta aposta polo ocio educativo non quede limitada ao verán senón que poida continuar ao longo de todo o curso escolar. Desde o Concello queremos seguir poñendo á disposición das familias recursos que lles faciliten a conciliación, ao tempo que ofrecemos ás crianzas espazos seguros nos que poidan divertirse, aprender, relacionarse e desenvolver a súa creatividade”. A rexedora destacou tamén a incorporación de Brinquiños, que “permite ampliar a proposta aos nenos e nenas máis pequenos, dando resposta tamén ás necesidades das familias con crianzas de 2 e 3 anos”, así como a continuidade de Playing in English, “unha actividade que funcionou moi ben e que permite que as crianzas practiquen inglés dunha maneira diferente, máis lúdica e participativa”.
As familias interesadas poden formalizar xa a súa inscrición na Casa da Cultura de San Ciprián.


