O grupo Diavolinos, de Viveiro, actuará no Círculo Habanero da Devesa (Ribadeo) este venres, 9 de outubro

O grupo Diavolinos, de Viveiro, actuará no Círculo Habanero da Devesa (Ribadeo) este venres, día 9 de outubro, ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 5 euros.

Este evento está organizado pola asociación cultural A Tribo da Travesía, que anuncia: “este venres temos concerto no Círculo Habanero da Devesa. Imos disfrutar dos Diavolinos. Defínense como un grupo de amigos con distinta orixe, pero cun punto en común, que non é outro que o seu amor pola música, e o que lles fixo confluír na Mariña Lucense”.

“No noso percorrido pola provincia de Lugo e, en especial pola Mariña, tratamos de recuperar temas de certa antigüidade, mais que seguen resoando na mente e no corazón de todos, dándolles, por suposto, o noso toque como grupo Diavolinos. Viaxamos coa nosa música por diferentes partes do mundo, acariñando distintas culturas e estilos musicais, tentando facer referencia a varios países e tamén á nosa terra galega. Entre estes estilos podemos mencionar o swing, o vals, o tango, o vallenato, o country, a salsa, o fado e o folk, entre outros”, explican os compoñentes de Diavolinos, que engaden que deben o seu nome ao mestre Lino Rico, “músico experimentado, profesor no Conservatorio de Música de Viveiro e, á súa vez, descendente de familia de músicos. Adoptamos este nome polo grupo ao que pertencían os seus bisavós”.