Acisa Ribadeo foi convidada á recepción que os Reis ofrecerán o 12 de outubro con motivo da celebración da Festa Nacional

Acisa Ribadeo foi convidada á recepción que os Reis ofrecerán o vindeiro luns, 12 de outubro, con motivo da celebración da Festa Nacional.

A presidenta e o xerente do colectivo empresarial ribadense recibiron o convite da Xefatura da Casa Real para asistir a este importante acto institucional, a recepción oficial que as súas maxestades os Reis de España ofrecerán no Palacio Real, de Madrid, o Día da Festa Nacional.

A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, explicou que “hai uns días que recibimos con satisfacción, orgullo e sorpresa o convite da Casa Real para asistir a este acto. Para nós é unha verdadeira honra poder levar o nome da nosa asociación e de Ribadeo ata unha cita tan importante coma esta, un evento que reúne a autoridades políticas, sociais e culturais de todo o país. Alí estaremos encantados de representar a Acisa”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou que “o ano 2026 está a ser verdadeiramente extraordinario para a nosa asociación. En abril recollemos en Toledo o Premio Nacional de Comercio Interior, o máximo recoñecemento que concede o Goberno de España en materia de dinamización comercial, e agora recibimos esta invitación para asistir á recepción do Día da Festa Nacional. É un xesto que valoramos enormemente e que entendemos tamén como unha mostra da relevancia e da proxección que Acisa Ribadeo está a acadar no ámbito nacional”.

Pérez Prada engadiu que “para unha asociación empresarial local como a nosa, poder participar nun acto destas características, que reúne a representantes das principais institucións e de diferentes ámbitos da sociedade civil española é algo moi especial. Acudiremos con moita ilusión, conscientes do que supón representar ao noso colectivo e ao tecido empresarial ribadense nunha cita desta relevancia”.

Cruzado Iglesias dixo que “esta invitación supón unha honra a nivel persoal para o xerente e para min, pero sobre todo é un motivo de orgullo para toda a familia de Acisa Ribadeo. Estamos a vivir un ano histórico, no que o traballo desenvolvido durante tantos tempo está a recibir unha importante proxección e recoñecemento. E aínda temos por diante a celebración da nosa Gala Anual, na que compartiremos cos nosos socios e socias este momento tan especial para a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo”.