Ata o 29 de outubro estará aberto o período de adhesión á campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo

Ata o día 29 de outubro estará aberto o período de adhesión dos negocios locais á campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo.

A concelleira ribadense de Comercio e Desenvolvemento Local, Marta Saiz, anunciou que “o Concello de Ribadeo pon en marcha unha nova edición do programa A Pancha, a nosa moeda local, unha iniciativa destinada a incentivar o consumo de proximidade, a apoiar o tecido empresarial do municipio e contribuír á dinamización da economía local. Os establecementos interesados en participar na campaña poderán solicitar a súa adhesión do 20 ao 29 de outubro, ambos incluídos, a través da plataforma dixital do programa”.

A edil explicou tamén que “poderán adherirse os establecementos físicos e permanentes situados en Ribadeo que desenvolvan algunha das actividades económicas admitidas e cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras. A participación dos negocios locais é fundamental para o éxito desta iniciativa. Por iso, dende o Concello animamos aos comercios, aos establecementos hostaleiros e aos negocios de servizos, que cumpran os requisitos, a sumarse a esta campaña, contribuíndo así a reforzar o tecido empresarial e ofrecer á cidadanía novas oportunidades para realizar as súas compras en Ribadeo”.

Saiz subliñou que “as persoas interesadas poderán adquirir as panchas do 1 de novembro ou 28 de decembro, ambos dous días tamén incluídos, a través da plataforma habilitada para o programa. O Concello subvencionará o 25 % do valor total das panchas adquiridas. As achegas realizaranse en tramos de 30 euros, cun achega máxima de 300 euros por persoa, que disporá de 400 panchas equivalentes a 400 euros, sendo 150 panchas o importe máximo por operación”.

A concelleira de Comercio declarou ademais: “con esta iniciativa do Concello buscamos fortalecer a actividade do comercio, da hostalería e dos servizos locais, favorecendo que unha maior parte do gasto da cidadanía permaneza no municipio e contribuír ao mantemento do emprego, á revitalización dos espazos comerciais e á desestacionalización da actividade económica. Coa Pancha, a nosa moeda local, o Concello de Ribadeo reafirma o seu compromiso co comercio, a hostalería e o conxunto do tecido empresaria local, promovendo unha medida de apoio que incentiva as compras no municipio, favorece a circulación do gasto na economía local e contribúe a manter a actividade económica e o emprego”.

Na presentación da nova edición da Pancha, que tivo lugar no Concello de Ribadeo, participaron o alcalde, Dani Vega; a concelleira de Comercio, Marta Saiz; e a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, tivo palabras de agradecemento:  “moitas grazas ao Concello de Ribadeo por contar unha vez máis con Acisa para esta importante campaña da Pancha, que chega á súa oitava edición. Esta é unha das campañas máis agardadas de todo ano tanto polo sector comercial e hostaleiro como polas persoas que veñen facer as súas compras e consumir aquí”.