Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan o 31 de outubro unha nova edición da actividade infantil “Trick or Treat”

Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan para o día 31 de outubro, sábado, unha nova edición da actividade infantil denominada Trick or Treat, que se desenvolverá por diferentes establecementos asociados ao colectivo empresarial.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, comentou que “con motivo da celebración do Día do Comercio Local, o 25 de outubro, Acisa quere poñer en valor a importancia do pequeno comercio como motor económico e social da nosa vila. É un bo día para lembrar que o comercio de proximidade xera emprego, paga impostos durante todo o ano, dinamiza as rúas e crea comunidade. Por iso, para celebrar esta data, desde ACISA organizamos, xunto con Kids&Us, un obradoiro infantil de Halloween, co obxectivo de ensinarlles aos máis pequenos a importancia de mercar no comercio local dun xeito lúdico e participativo. Esta iniciativa pretende concienciar á cidadanía sobre o papel esencial que desempeñan os establecementos locais na vida e na vitalidade de Ribadeo”.

Carmen Cruzado engadiu: “a actividade busca entreter e divertir os máis pequenos da casa coa tradición anglosaxona do famoso truco ou trato, con motivo da celebración do Samaín ou Halloween. A proposta, que se desenvolverá en inglés, está dirixida tanto ao alumnado da academia como a nenos e nenas que non estean matriculados nela, con idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos, e terá lugar o sábado 31 de outubro pola mañá”.

A presidenta de ACISA continúa explicando: “desde Acisa Ribadeo gústanos poder crear este tipo de actividades, que divirten e entreteñen os máis pequenos da casa e que, ademais, permiten que os seus pais e nais poidan dedicarse un pouco de tempo a si mesmos, por exemplo, para facer unhas compras ou tomar algo con algo máis de calma. Ao mesmo tempo, trátase dunha actividade que achega os nenos e as nenas ao comercio local. É moi importante concienciar desde a infancia aos futuros consumidores da importancia de apostar polos negocios locais. As vilas teñen vida e son o que son grazas ao seu tecido empresarial”.