
Acisa Ribadeo organiza o vindeiro luns, 16 de novembro, unha xornada sobre dixitalización, intelixencia artificial e seguridade no comercio, que terá lugar de 16:30 a 18:00 horas no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo. Denomínase Comercio Conectado: vender, innovar e protexerse no mundo dixital e contará coa participación de representantes da Xunta de Galicia e especialistas en dixitalización e consumo.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, contou que “o vindeiro luns, 16 de novembro, terá lugar unha xornada dedicada aos novos retos do comercio no ámbito dixital, a través de APE Galicia, coa participación da Xunta e a colaboración do Concello de Ribadeo. A xornada desenvolverase no Salón dos Alcaldes do Pazo de Ibáñez a partir das 16:30 horas e contará coa presenza do director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, e de Jaime Barreiro, de Cactus Digital. O encontro estará presentado e moderado por Silvia Crespo”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “esta iniciativa pretende achegar aos comerciantes, empresarios e profesionais ferramentas prácticas para afrontar os cambios nos hábitos de consumo, aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e mellorar a seguridade dos seus negocios na contorna dixital. Durante a sesión abordaranse tres grandes cuestións de especial interese para o comercio local: a dixitalización e a aplicación da intelixencia artificial aos negocios, a venda por internet e os dereitos das persoas consumidoras, e a protección dos establecementos fronte aos riscos e fraudes dixitais. Ademais de dar algunhas pinceladas sobre as axudas que a Xunta de Galicia vai convocar para o ano 2027.”
E engadiu: “entre os contidos previstos figuran as aplicacións prácticas da intelixencia artificial na comunicación, a creación de contidos, a atención á clientela e a organización empresarial. Tamén se analizarán as obrigas legais relacionadas co comercio electrónico, as devolucións e garantías, así como cuestións de ciberseguridade, prevención de fraudes e protección de contas e dispositivos.”
Cruzado Iglesias anima ás empresas asociadas a acudir a esta cita: “desde Acisa Ribadeo animamos aos comerciantes, hostaleiros, autónomos e demais profesionais da localidade a participar nesta xornada, especialmente nun momento no que a transformación dixital representa tanto unha oportunidade de crecemento como un desafío para os pequenos negocios. Para nós é moi importante a celebración de charlas deste tipo, que lle permiten ao tecido empresarial local acceder a información, a formación e a ferramentas que poden contribuír a mellorar a competitividade dos seus establecementos”.
As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico info@apegalicia.es ou a través do seguinte número de teléfono 986 891 657.
Xunto a Acisa colaboran na organización desta xornada Ape Galicia, Xunta e Comercio Galego.


