Ata o 30 de setembro amplíase o horario de apertura ao público da Basílica de San Martiño. O Concello agarda que se superen as dez mil visitas rexistradas o ano pasado.

Ata o 30 de setembro amplíase o horario de apertura ao público da Basílica de San Martiño. O Concello agarda que se superen as dez mil visitas rexistradas o ano pasado.
 
O horario de apertura ao público da basílica de San Martiño amplíase dende hoxe ata o día 30 de setembro. Anunciouno a concelleira de Cultura focense, Silvia Blach Cuesta, quen espera que se superen as máis de 10.000 visitas que se rexistraron no monumento durante o verán do ano pasado.
 
Silvia Blach explicou que na basílica de San Martiño “modifícase o horario de visitas dende hoxe, día 1 de xuño, ata o 30 de setembro, para ampliar o tempo de apertura. Nesta época poderán facer as súas visitas de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O domingo estará aberta de 11:00 a 15:00 horas, pechando ese día pola tarde e o luns durante todo o día. Tamén está previsto o peche os días 16 de xullo, 10 e 27 de agosto, por ser festivos locais. Damos a coñecer ós nosos visitantes que, ó ser un templo con culto, durante ás liturxias paralizaranse tanto o servizo de guías como as visitas”.
 
A edil de Cultura comentou tamén que “na antiga Casa do Prior, na cabeceira do templo, dispoñemos dunha oficina de información turística, onde se poden concertar as visitas guiadas á antiga catedral da sede mindoniense. Para poder dar un mellor servizo as visitas comezarán ás horas en punto en grupos dun mínimo de 10 persoas, cunha duración aproximada de media hora, permitindo ó mesmo tempo ás visitas libres”.
 
Blach destacou que “a previsión de visitas é numerosa e esperamos superar as máis de 10.000 rexistradas o verán pasado no templo, pois hai concertadas xa varias excursións e grupos que queren visitar a catedral románica conservada máis antiga de España”.
 
A basílica dispón dun teléfono de información a disposición do público durante o horario de apertura: 620.623.592.