
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Burela celebra do 20 ao 22 de agosto a I Feira de Stocks, “unha iniciativa que nace co obxectivo de dinamizar as rúas comerciais, apoiar os establecementos locais e ofrecer á veciñanza e aos visitantes a oportunidade de atopar auténticos descontos”.
Baixo o lema Fóra Stocks Burela: as mellores oportunidades están na rúa, os días 20, 21 e 22 de agosto os comercios participantes sacarán parte dos seus produtos ao exterior dos establecementos, “creando un gran escaparate comercial nas rúas de Burela. Durante estes días, os clientes poderán atopar descontos de ata o 70 %, ademais de últimas unidades, produtos de tempada e oportunidades especiais preparadas polos diferentes establecementos”, explica ACIA Burela.
A iniciativa conta coa participación de 14 establecementos asociados a ACIA Burela, que decoraron os seus espazos con elementos comúns da campaña e estarán identificados coa imaxe de Fóra Stocks Burela.
ACIA Burela engade que esta proposta “busca que a campaña non sexa simplemente unha liquidación de produtos senón unha auténtica acción de dinamización comercial, animando á cidadanía a percorrer diferentes zonas comerciais, coñecer os establecementos participantes e apostar polo comercio de proximidade”.
Como actividade complementaria, ACIA Burela pon en marcha o Pasaporte Fóra Stocks e explica que “o funcionamento é moi sinxelo: os clientes poderán conseguir un pasaporte nos comercios participantes e, realizando compras en diferentes establecementos, irán completándoo cos correspondentes selos. Ao conseguir 5 selos de 5 comercios diferentes, poderán depositar o seu pasaporte nas urnas habilitadas e participar no sorteo dun vale de compra de 200 euros”.
Con esta acción ACIA Burela pretende “incentivar que os clientes descubran diferentes comercios da localidade e que a campaña reverta no conxunto do tecido comercial”.
A presidenta de ACIA Burela, Eva Luaces, xunto co equipo directivo da asociación e os comerciantes de Burela, representando nesta ocasión Paula de Rosa y Azul, queren agradecer especialmente a colaboración e implicación do Concello de Burela, así como da alcaldesa, Carmela López, e da concelleira de Comercio, Lina Gómez, “polo seu apoio a esta iniciativa e pola súa aposta polo comercio local e polos servizos da vila”.
Desde ACIA Burela destacan que “este tipo de iniciativas son fundamentais para poñer en valor o comercio de proximidade, dinamizar as nosas rúas e facer de Burela un lugar máis atractivo tanto para mercar como para pasear”.
A asociación anima a toda a veciñanza e ás persoas que visiten Burela nestes días “a saír á rúa, visitar os comercios participantes e aproveitar as grandes oportunidades que ofrece a I Feira de Stocks de ACIA Burela”.


