
Acisa Ribadeo repartirá vasos de plástico ríxido reutilizable como recordo conmemorativo do XI Ribadeo Indiano. Trátase de 15.000 recipientes serigrafiados.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e para a hostalería ribadenses, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 10 ao 12 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe presentamos: os vasos do Ribadeo Indiano, que son un auténtico reclamo. Hai moita xente que os leva de recordo e os colecciona”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou, que “por iso un ano mais imos repartir de xeito gratuíto 15.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio ambiente”.
Cruzado Iglesias dixo que “estes vasos, que poñemos gratuitamente a disposición da hostalaría local asociada a Acisa, están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Os vasos deberanse recoller do 6 ao 10 de xullo en horario de 9:00 a 15:00 horas na oficina da nosa asociación na rúa San Roque. Desde Acisa queremos agradecer expresamente a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que cofinancia esta acción”.
Na presentación dos vasos conmemorativos do Ribadeo Indiano participaron o deputado responsable da Área de Rural, Mar e Mocidade, Dani García, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e o concelleiro ribadense Martín Graña.
Ampliacións horarias
Os establecementos hostaleiros de Ribadeo poderán abrir dúas horas máis durante as fins de semana do verán e pontes festivas grazas a Acisa.
Pérez Prada indicou que “os establecementos de hostalaría asociados a Acisa Ribadeo, contarán con dúas horas mais sobre a licenza habitual de peche as madrugadas do 10 ao 12 de xullo con motivo do Ribadeo Indiano, do 14 ao 17 de agosto polas festas de San Roque e as madrugadas do 1 ao 8 de setembro, datas nas que se celebrarán as festas patronais. Algo que sen dúbida cremos favorecerá ao sector asociado para poder exprimir ao máximo estes días de gran actividade económica. As ampliacións segundo licenza son as seguintes: os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas poden pasar das 06:00 ás 08:00 e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada”.
O xerente de Acisa engadiu: “parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo aos nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas durante estas datas de gran afluencia turística onde as ceas de amigos e de familia son moitas e as ganas de festexar e celebrar son aínda mais. Así tamén a veciñanza poderá gozar de mais horas de lecer nos negocios locais. Queremos animar ás veciñas e veciños de Ribadeo e da nosa contorna e aos turistas que nos visitan a desfrutar das fines de semana de verán na hostalaría ribadense, que ten moito que ofrecer, tamén polas noites, onde atopamos locais cun ambiente impecable, con persoal cualificado e trato amable. Agardamos que este sexa un grande verán para todo o sector empresarial de Ribadeo, porque iso redundará de xeito moi positivo no noso municipio e na economía local”.


