
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acisa) de Ribadeo e a empresa Gestión Gratelu renovaron o seu convenio de colaboración. No acto participaron Pablo Posada, administrador de Gestión Gratelu, e Carmen Cruzado, presidenta do colectivo empresarial ribadense. No mesmo estivo presente o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento: “desde Acisa queremos agradecerlle a Pablo Posada e a Gestión Gratelu o seu apoio económico, xa que van estar presentes como entidade colaboradora en 2026 na Festa do Comercio, na Gala de Acisa e no sorteo do Ribadeo Indiano. A rúbrica deste segundo convenio con Gestión Gratelu é para nós moi importante. Seguiremos a traballar, como vimos facendo ata o de agora, para que a empresa privada nos brinde a súa colaboración nos grandes eventos organizados pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo”.
Pablo Posada declarou que “a sinatura deste segundo convenio con Acisa Ribadeo confirma o noso respaldo ao importante e dinámico traballo que este colectivo empresarial realiza ao longo de todo o ano co obxectivo de contribuír á dinamización económica da vila e dos seus negocios”.
Carmen Cruzado lembrou que “as asociacións, como Acisa, nutrímonos das cotas das nosas asociadas e asociados e das subvencións que recibimos de administracións como a Deputación de Lugo, a través da súa Vicepresidencia, da Xunta de Galicia e do Concello de Ribadeo. Somos un colectivo moi activo e si queremos seguir organizando actividades importantes precisamos de máis partidas económicas. E por iso levamos xa un tempo chamando ás portas da iniciativa privada”.
A presidenta de Acisa subliñou: “parécenos moi importante e positivo que as empresas se decidan a colaborar economicamente con nós. Iso quere dicir que as actividades que organizamos desde Acisa resultan atractivas para o conxunto da cidadanía e do colectivo empresarial. Agardamos que máis firmas de Ribadeo se sumen á grande familia que é Acisa”.
Novos negocios asociados
Acisa Ribadeo segue a medrar en número de firmas asociadas. Jesús Pérez, xerente do colectivo empresarial ribadense, indicou que “ao longo das últimas semanas 7 foron os negocios que decidiron adherirse á asociación. Trátase de Bar La Estación, Atleet, Delicias, O Recuncho, El Huerto, Bodegas Ribeirao e Anyvers. Cada vez son máis as empresas de nova apertura que deciden asociarse a Acisa, así como outras que levan moito tempo abertas e que consideran que agora é o momento de sumarse ao noso proxecto e de beneficiarse de todos os servizos que prestamos: asesoramento, formación, entrega de materiais gratuítos e organización de moitas campañas para dinamizar o comercio, a hostalería e os servizos de Ribadeo”.
Acisa Ribadeo conta na actualidade con preto de 170 empresas asociadas: “agardamos seguir incrementando esta cifra ao longo das vindeiras semanas. Neste ano xa se uniron a Acisa 17 novas firmas”, engadiu Pérez Prada.


