
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) Ribadeo lanza O Pasaporte, unha nova campaña para dinamizar o comercio e a hostalería locais entre o 8 de maio e o 14 de xuño. O broche final será o sorteo, ante notario, dunha viaxe a Lanzarote.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado Iglesias, anunciou que “Ribadeo prepárase para vivir unha experiencia comercial única co lanzamento da nova campaña impulsada por Acisa e denominada o Pasaporte. Trátase dunha iniciativa que combina compras, lecer e premios para incentivar o consumo no comercio e na hostalería locais durante máis dun mes, agora que chega o bo tempo e que os días son grandes e convidan a facer máis vida na rúa”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez Prada, explicou que “desde o 8 de maio ata o 14 de xuño veciñanza e visitantes poderán participar nesta proposta dinámica que premia a fidelidade nos negocios de proximidade. A mecánica é sinxela: as persoas participantes deberán completar un pasaporte con 10 selos diferentes -4 de comercios e 6 de establecementos de hostalería ou servizos- en negocios asociados a Acisa Ribadeo. Póñense en circulación 20.000 pasaportes para esta novidosa campaña. Entre todos os pasaportes correctamente cubertos sortearase un atractivo premio: unha viaxe para dúas persoas a Lanzarote, cunha estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, incluíndo voos e equipaxe. O sorteo, ante notario, celebrarase o 14 de xuño ás 14:00 horas na Rúa San Francisco, nun evento público que contará con animación musical e que converterá a xornada nunha auténtica festa do comercio e da hostalaría locais”.
Cruzado Iglesias sinalou que “ademais ese mesmo día as persoas participantes poderán gozar da Ruleta da Sorte, con máis de 1.000 premios directos, engadindo emoción e recompensas inmediatas á campaña. A ruleta estará instalada no mesmo lugar dende as 11:00 ata as 14:00 horas. Rematará co fin de existencias dos premios. Haberá diferentes agasallos en xogo coma parasoles para o coche, mochilas, bolsas de praia, gorras, bolígrafos, blocks de notas, chaveiros ou camisetas, cun novo deseño da nosa querida vila de Ribadeo, que serán perfectos para usar este verán”.
A presidenta de Acisa engadiu: “con esta acción apostamos por unha fórmula diferente que non só impulsa as vendas, senón que tamén reforza o vínculo entre a clientela e os negocios locais, promovendo un modelo de consumo sostible e de proximidade. O Pasaporte non é só unha campaña, é unha invitación a descubrir, gozar e apoiar o tecido comercial de Ribadeo”.
Pérez Prada anunciou que “esta é a primeira de varias das actividades que presentamos este ano, para conmemorar e celebrar coa nosa clientela o premio nacional de comercio interior que acadamos de recibir en Toledo. E qué mellor forma de facelo que co pasaporte dunha viaxe a Lanzarote durante 4 días con todo incluído. Os sorteos das viaxes que facemos desde Acisa son un auténtico reclamo para toda a clientela da contorna. Animámosvos a participar nesta nova campaña da nosa asociación coa que queremos encher de Acisa e de cor as praias e as rúas este verán”.
Nesta campaña Acisa conta co patrocinio do Grupo Breogán, “empresa á que lle agradecemos o seu apoio” e coa colaboración do Concello de Ribadeo.


