Acisa Ribadeo sorteará na campaña de San Valentín unha experiencia romántica e unha visita a unha bodega en Ribadavia

Dende Acisa con amor é a campaña de San Valentín que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo desenvolverá do 5 ao 15 de febreiro. Acisa sorteará 1 experiencia dunha noite con cea romántica para dúas persoas a escoller entre 750 destinos e 1 noite no hotel Pazo Carballo, de Ribadavia, con visita a Bodegas Docampo. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo: “presentamos unha nova edición da campaña de San Valentín na que imos sortear 1 experiencia dunha noite con cea romántica para dúas persoas a escoller entre 750 destinos e 1 noite no hotel Pazo Carballo, de Ribadavia, con visita a Bodegas Docampo, a desfrutar en noite de venres ou de sábado no mes de maio. Queremos que as persoas afortunadas celebren dun xeito especial o día dos namorados. Tras a campaña de Nadal, e agora que estamos en plenas rebaixas, non nos podiamos esquecer de San Valentín, xa que as parellas aproveitan para facerse agasallos e para celebrar o amor. Para agasallar, xa saben que poden atopar todo o que precisan nos negocios de Ribadeo, que agardan contar coa súa fidelidade unha vez máis”.

E explicou que “a campaña desenvolverase do 5 ao 15 de febreiro no comercio asociado a Acisa Ribadeo. As persoas que durante este período de tempo realicen neles as súas compras poderán cubrir as súas papeletas para entrar no sorteo de San Valentín. Vanse repartir 10.000 nesta campaña, 1.000 mais que o ano pasado. O sorteo será non presencial o 18 de febreiro (xa que o dia 17 é festivo) nas instalacións de Acisa, entre todas as rifas cubertas polos clientes que mercaran no comercio asociado nestes días. O sorteo será gravado en vídeo e colgado nas nosas redes sociais e os gañadores serán informados por teléfono do premio que lles correspondeu”.

Cruzado Iglesias engadiu que “animamos á nosa veciñanza a celebrar o amor en Ribadeo. A nosa hostalería xa ten preparados menús especiais con pratos moi orixinais e saborosos para estas datas, tanto o 14 de febreiro como durante toda esa fin de semana. E que a xente doutros puntos de Galicia e de Asturias se achegue a gozar unha fin de semana romántica en Ribadeo. Temos propostas románticas, temos gastronomía, temos comercio e temos paisaxe. O inverno tamén é unha boa época para achegarse a Ribadeo”. E tivo palabras de agradecemento para a firma colaboradora: “quero agradecer a Bodegas Docampo,  a súa colaboración e apoio, xa que nos doa un dos premios da campaña de San Valentín de Acisa, que as persoas agraciadas poderán disfrutar o vindeiro mes de maio”. 

A campaña de San Valentín, organizada por Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia e Comercio Galicia, foi presentada no día de hoxe por Carmen Cruzado, Manoli Torviso e Trinidad Otero.