
A Asociación de Mulleres Bolboretas de Xove promove para este venres, día 20 de novembro, ás 19:00 horas unha representación teatral no salón de actos do Centro Cívico de Xove, como unha actividade dentro da programación que desenvolve ao longo do ano. Nesta ocasión a través da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, coa colaboración e patrocinio da Xunta de Galicia Xacobeo 2027, do Ministerio de Igualdade e da Asociación para a Integración Laboral e Social da Muller.
A iniciativa consistirá na representación da obra teatral Os contos de Dona Malva Rosa, creada e interpretada por Ítaca Teatro. Baixo o lema Contos para espertar consciencias e construír respecto e igualdade, a proposta busca “convidar á reflexión a través do teatro, empregando a cultura como ferramenta para sensibilizar a sociedade sobre a importancia de construír relacións baseadas na igualdade e libres de violencia”.
Con esta actividade a asociación xovense continúa “apostando pola cultura e polo lecer compartido, ofrecendo ás veciñas e aos veciños da localidade unha nova oportunidade para gozar das artes escénicas e participar na vida cultural do municipio”.
Fundada en maio de 1990 na Urbanización de Palmeiro, a Asociación de Mulleres Bolboretas “conta cunha ampla traxectoria de participación social e dinamización cultural en Xove. Ao longo destes anos o colectivo impulsou numerosas iniciativas relacionadas co ocio, a formación, a saúde e a convivencia, así como actividades orientadas a fortalecer os lazos entre as súas socias e a comunidade. A representación teatral enmárcase nesta liña de traballo, coa que a entidade busca manter unha programación activa e contribuír ao enriquecemento da oferta cultural local”.


