A Aula CeMIT de Ribadeo acollerá unha xornada sobre aplicacións móbiles útiles para o sector agrogandeiro. Será o 14 de maio.

A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo acollerá unha xornada informativa na que terá lugar a Presentación de aplicacións móbiles útiles para o sector agrogandeiro. Será o 14 de maio.

A actividade desenvolverase en horario de 16:00 a 17:00 horas, e retransmitirase mediante vídeo conferencia en conexión co CDTIC de Santiago. Esta xornada ten carácter gratuíto e é de acceso libre.

Na sesión informarase sobre un software de xestión orientado aos traballadores do sector agrogandeiro. Farase unha introdución á xestión dunha explotación gandeira con AinfoVac e á xestión de cultivos con AinfoHor. Presentaranse ademais as vantaxes de empregar as ferramentas informáticas para a xestión, control e a comunicación das actividades vinculadas ao agrogandeiro introducindo as novas tecnoloxías e o software libre nas empresas deste sector.

A xornada será impartida por un dos responsables do proxecto, Xosé Manuel Campos, e as aulas interesadas poderán solicitar despois que se realice algún taller presencial e máis práctico sobre algunha das solucións presentadas na propia Aula CeMIT de Ribadeo.

Esta xornada, que organizan o Centro Demostrador TIC, a Federación Galicia EFA e o Concello de Ribadeo, está destinada a xerentes e traballadores de explotacións agrogandeiras e/ou hortofrutícolas. 

As persoas interesadas en asistir deben preinscribirse na Aula CeMIT, sita na Casa da Xuventude, ou chamando ao teléfono 982 120 732.