A Banda de Música O Landro, de Viveiro, presenta “Camiños sonoros”, programación con actividades de marzo a decembro

A Banda de Música O Landro, de Viveiro, presentou a tempada 2026 de actividades, que, baixo o título Camiños sonoros, ofrece unha programación que recolle actuacións e propostas formativas entre marzo e decembro.

A tempada comezará en marzo co concerto Éxodo, enmarcado no Programa de Difusión Cultural ADRAL. En abril a Banda participará nos actos da Semana Santa de Viveiro. Entre maio e xuño está previsto un ciclo de concertos, Matinais no Templete, ademais do acompañamento do Corpus Christi. Xa en xullo o programa inclúe obradoiros de construción de instrumentos musicais con material de reciclaxe.

No mes de agosto levará a cabo unha actuación na Praza Maior, no marco das festas patronais. En novembro celebrarase o concerto de Santa Icía Os Soños na Gaiola, concibido para banda, percusión Orff e coros infantís. A tempada pecharase en decembro co concerto de Nadal Ao estilo Vienés.

O Concello de Viveiro sinala que “as datas, horarios e localizacións concretas de cada actividade se irán comunicando a medida que se vaian confirmando”.