A biblioteca municipal de Ribadeo acolle un evento sobre a Intelixencia Artificial o 6 de xuño

O venres 6 de xuño ás cinco e media da tarde a Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo El Viejo Pancho acollerá o evento titulado Soberanía Dixital V: A IA. Posibilidades e perigos.

“Unha actividade pensada para achegar ó público en xeral a unha mellor comunicación e comprensión dunha ferramenta cada vez máis ubicua, de uso cada vez máis xeneralizado tanto a nivel persoas como empresas ou institucións, e abranguendo cada vez máis actividades. Nesta ocasión o evento de amarinha.gal terá un formato de debate entre os enxeñeiros Mario Penelo e José Manuel Ventoso, ambos movéndose con familiaridade no entorno da IA. O debate será moderado pola escritora Lucía Ferro. Asemade haberá tempo para un pequeno coloquio posterior”, explica o grupo amarinha.gal, que engade: “esta é a quinta actividade do ciclo que se desenvolverá ó longo de 2025, impulsado polo grupo amarinha.gal, nos locais da biblioteca ribadense cedidos polo Concello a tal fin. Locais solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas actividades. Neste caso co obxectivo de difundir o coñecemento, manexo e posibilidades dunha ferramenta de rápida adopción que incide nas nosas posibilidades de Soberanía Dixital. Como complemento, un fanzine en galego cun formato ampliado para dar acubillo ó número de artigos que nesta ocasión abranguerá a autoría non só dos membros da amarinha.gal e Mario Penelo senón tamén doutros autores con diferentes enfoques sobre o tema da IA”.

A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas interesadas en “explorar a dixitalización do mundo actual dende a perspectiva da propia soberanía dixital ou sinxelamente en aproximarse a un futuro que xa é presente”.