Burela acolle os días 17 e 18 de abril un exercicio de seguridade marítima da Armada

O porto de Burela acollerá os días 17 e 18 de abril o exercicio MARSEC, unha actividade anual relacionada coa seguridade marítima organizada pola Armada e aberta á veciñanza.

Este mércores, 25 de febreiro, celebrouse a primeira reunión de coordinación entre todos os participantes no simulacro, un encontro previo destinado a preparar o desenvolvemento das operacións e garantir a coordinación entre os distintos organismos implicados na seguridade marítima.

O Concello de Burela explica que “MARSEC é un exercicio cuxo obxectivo principal é fortalecer a cooperación e o coñecemento mutuo entre as institucións implicadas na seguridade marítima, mediante a planificación e execución de operacións que abranguen unha ampla gama de situacións. Así mesmo busca reforzar a colaboración entre os distintos organismos e a Armada co fin de garantir a seguridade no ámbito marítimo. Entre os supostos previstos inclúese o Escenario IV: Hundimiento de pesquero en puerto de Burela, que terá lugar o 18 de abril, entre as 10:30 e as 13:30 horas. No exercicio participarán, ademais da Armada como entidade organizadora, a Capitanía Marítima de Burela, a Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira (DAVA), o Instituto Social da Mariña (ISM) e a Xunta de Galicia a través dos Gardacostas de Galicia e de Portos de Galicia, o propio Concello de Burela e a Confraría de Pescadores de Burela. Ademais organizaranse xornadas de portas abertas para que a veciñanza poida achegarse ao porto, visitar as embarcacións e coñecer de primeira man o seu funcionamento. Así mesmo durante o desenvolvemento do simulacro a cidadanía poderá presenciar as manobras dende o propio porto”.