
O 21 de setembro Barreiros acollerá a Valkiria Race, “unha carreira de obstáculos chea de diversión, deporte e aventura. O evento, que forma parte da Liga Española AOCO, atraerá a deportistas de toda a xeografía, poñendo a Barreiros como un punto de referencia. En colaboración co Concello de Barreiros, a organización do evento vén de anunciar a creación de 2 códigos de desconto para as persoas empadroadas en Barreiros co obxectivo de fomentar a participación entre a veciñanza”, explica o Concello de Barreiros.
Para as nenas e nenos, de 4 a 15 anos, o código de desconto é BARREIROSKIDS e aplicando este código,a proba pasa a ser totalmente gratuíta para a cativada barreirense. Para persoas adultas aplicando o código de desconto BARREIROS35 obterase un desconto de 12 euros nas carreiras Odin 9k, para as cales é válido, quedando o prezo final do dorsal en 35 euros.
A organización salienta: “gústanos que os máis pequenos/as vivan a experiencia dunha carreira de obstáculos feita á súa medida e que sexa totalmente gratuíta para as familias de Barreiros”.
O Concello de Barreiros, que colabora coa organización, agradece publicamente este xesto coa veciñanza e destaca “a importancia de seguir atraendo eventos que sitúen a Barreiros no mapa e axuden a dinamizar a economía local”.