A Casa da Cultura de San Ciprián (Cervo) acollerá unha exposición de pinturas de Xosé López Losada do 20 de agosto ao 20 de setembro

A Casa da Cultura de San Ciprián, no concello de Cervo, acollerá unha exposición de pinturas de Xosé López Losada (Xolo) desde este mércores, día 20 de agosto, ata o 30 de setembro.

“O artista Xosé López Losada (Xolo) tráenos unha selección de obras cheas de cor, creatividade e expresividade. Unha viaxe artística a través de máis de 70 cadros, onde cada peza conta a súa propia historia. Non te perdas a inauguración: mércores 20 de agosto ás 17:30 horas, na Casa da Cultura (San Ciprián). Ven e goza da arte tanto como Xolo o fixo ao creala”, anuncia o Concello de Cervo.

E Xosé López Losada explica: “nacín en Ourol o 8 de abril de 1967. A arte é toda a miña vida. Comeza a miña carreira artística aos 5 anos. Aos 8 anos merco as primeiras acuarelas e fago unha copia dunha obra de Velázquez.

En 8º de EXB gaño un premio de postais de nadal no Concello de Ourol e outro de carteis do Día das Letras Galegas. En 2º de BUP pinto os bastidores dunha obra de teatro. En COU pinto o mural das salas de audicións do Centro de ensinanzas integradas. No ano 1987 trasládome a Salamanca para estudiar Belas Artes, onde conseguín Matrícula de Honra no primeiro curso de Universidade. A finais do segundo curso, unha enfermidade mental impediume seguir pintando ata o ano 2005 que retomo a pintura. Esta vez moito máis en serio e fago varias exposicións con moito éxito. A exposición que vos presento denomineina Encontros de Xolo coa Arte e está composta por unha serie de obras escollidas de entre máis de 70 cadros. Agardo que vos guste e gocedes dela tanto como eu o fixen mentres a creaba”.