
O Concello de Barreiros anuncia: “o domingo 13 de xullo ás 19:00 horas na carpa da festa de Vilamarín Grande temos una cita con Caxoto Díaz Valle, de A trastenda dos contos”.
“Este contador de historias vén cargado de humor e desta volta tráenos a Vilamartín o espectáculo titulado Contos con mar de fondo. Aínda que nunca se afastou da costa máis dunha milla mar adentro, Caxoto é un home de mar, cando menos filoxeneticamente. Bisneto, neto e fillo de armadores e mariñeiros, o mar corre polas súas veas e a súa memoria dende o mesmo momento de nacer. Ao longo da súa traxectoria como narrador oral Caxoto foi atesourando un rico repertorio mariñeiro de contos, lendas, anécdotas e feitos históricos que agora decidiu enfiar neste espectáculo de narración oral. Un espectáculo para os cinco sentidos cheo de salitre, mar picada e vento zoando. Contos da emigración, contos mariñeiros, historias de conquistas, cantigas de ribeira, a galerna do 61… sesenta minutos de viaxes transoceánicas baixo o pulso intenso, emocional e retranqueiro que caracteriza o seu contar.
Esta actividade está incluída no programa do Concello de Barreiros A Voltas Cos Contos, que está enmarcado no circuíto Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia, e no Plan Único da Deputación Provincial de Lugo.