A Deputación e a Mancomunidade impulsan á Mariña como xeodestino turístico

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a presidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Rocío López, asinaron este martes, 9 de decembro, no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración por importe de 25.000 euros, que “permitirá impulsar á Mariña Lucense como xeodestino de referencia para reforzar a promoción turística da comarca e mellorar o posicionamento da marca A Mariña”.

“Con esta achega damos continuidade a colaboración anual coa Mancomunidade Lucense, á que achegamos 25.000 euros, mantendo o compromiso co desenvolvemento turístico da comarca, cos seus veciños e veciñas e coa xeración de riqueza e emprego a través dun sector estratéxico que combina costa e montaña e ofrece unha experiencia única ao visitante”, explicou José Tomé, que destacou que “o turismo sostible e de calidade desempeña un papel crucial no desenvolvemento económico da Mariña, atraendo visitantes ao longo de todo o ano e deixando un valor no territorio en termos económicos e de emprego”.

A Deputación engade que o convenio “permitirá consolidar produtos turísticos sostibles, como o programa Plans con Corazón -16 rutas guiadas nos 16 concellos da Mariña-, os Obradoiros con Corazón xunto aos artesáns e artesás locais, e a rede Turismo Slow Norte de Galicia. Ademais, inclúe recursos para accións de comunicación e marketing, atención aos medios e coordinación das redes sociais da Mancomunidade, elementos clave para reforzar o posicionamento da Mariña tanto en Galicia como no norte de España”.

Pola súa banda, a Presidenta da Mancomunidade, Rocío López, agradeceu á Deputación esta renovación, sinalando que “esta colaboración segue a ser imprescindible para realizar accións de promoción e comunicación da Mariña. Grazas a este apoio podemos consolidar os nosos produtos turísticos, dinamizar a comarca durante todo o ano e ofrecer experiencias únicas que poñen en valor a riqueza cultural, natural e gastronómica do noso territorio”.

O xeodestino está formado por tres comarcas ao norte da provincia de Lugo: A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental. Estas comarcas comprenden 15 concellos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.