Do 23 ao 26 de agosto celebrase en Ribadeo o XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia. Terá unha duración de 32 horas e conta coa homologación da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, contou que “o día 23, martes, comezará o Fórum, neste caso a once edición, cun esquema de traballo mais ou menos similar a anos anteriores. É unha actividade aberta como o ano pasado a toda a xente que queira vir, dentro do aforo que hai de 50 asistentes. Neste momento hai inscritos sobre 40, é dicir que habería 10 prazas dispoñibles para poder asistir”.
Como empresa convidada este ano está Buxo Especial Trucks, de A Pontenova. Doural explicou que “contamos con empresas de anos anteriores, como son Robert Bosch, Stellantis, tamén teremos a participación da Empresa Municipal de Transportes de Madrid, e como tódolos anos tamén incorporamos unha empresa da zona, que en este caso é Buxo Especial Trucks, que está asentada na Pontenova, que fai unha serie de camións especiais para a recollida de lixo en cascos antigos onde non se poden utilizar vehículos de grandes dimensións. É unha empresa que neste momento ten moita actividade, e está asentada onde antigamente estaba a fábrica da IPV, ou a popular fábrica das carrocetas, como lle chama todo o mundo”.
O Fórum contará con diversas actividades, tal e como indicou o presidente de Apaga: “en relación á actividade cultural, teremos unha visita ao casco antigo de Viveiro e ao Fuciño do Porco, e despois vai haber unha serie de actividades nas praias. O Fórum durará ata o venres, xornada na que se cerrará ás tres da tarde cunha conferencia impartida por Álvaro Sauras, que é un enxeñeiro da revista de Autofácil, sobre a tecnoloxía Tesla. O resto de días hai tamén un obradoiro sobre as redes sociais, o primeiro día vamos ter talleres de soldadura, climatización, aerografía e sistemas Adas. Despois pola maña haberá conferencias e vai haber tamén unha parte importante, que é o mércores, día no que vai ser a presentación do proxecto Erasmus, que remata agora a finais de agosto, sobre vehículos eléctricos. E despois tamén se vai falar dos outros proxectos que algúns remataron, outros están aínda, o de aprendices tamén remata en agosto, é dicir, ímonos librando de todo o que tiñamos atrasado”.
E por último, Álvaro Doural engadiu que “o XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos é unha actividade homologada pola Consellería de Educación e coa co colaboración da Deputación de Lugo, do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia. Tamén é moi importante a participación de empresas da zona, que un ano máis e dentro das súas posibilidades, aínda que a situación está como está, tamén colaboran para que esta actividade se manteña en Ribadeo un ano máis”.