Do 6 de novembro ao 31 de decembro desenvolverase a campaña de descontos no combustible de Acisa Ribadeo

Acisa Ribadeo pon en marcha unha nova campaña de dinamización comercial e aforro familiar que permitirá obter descontos de 10 céntimos por litro de combustible na estación de servizo do Grupo Valcarce en Ribadeo. A iniciativa desenvolverase do 6 de novembro ao 31 de decembro de 2026, coa reparto de 35.000 tarxetas de desconto entre os clientes dos establecementos asociados.

A presidenta e o xerente de ACISA Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, foron os encargados de presentar esta nova iniciativa xunto a Ana Martínez, xerente do Grupo Valcarce en Ribadeo.

Carmen Cruzado explicou que “o obxectivo desta campaña é complementar as diferentes accións de dinamización comercial que desenvolvemos durante os dous últimos meses do ano, fomentando as compras e consumicións nos negocios locais e a fidelización dos clientes, tanto dos residentes como dos visitantes, ofrecéndolles un beneficio directo para a súa economía familiar mediante descontos de 10 céntimos por litro de combustible. Nos tempos que corren entendemos que esta campaña resultará de interese para todas as persoas que usan a coche a diario”.

Jesús Pérez detallou que “con esta campaña poñemos en circulación 35.000 tarxetas de desconto, que se poderán obter realizando compras ou consumicións superiores a 20 euros, nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo. Entregarase unha única tarxeta por cada tícket. A promoción estará en vigor desde o 6 de novembro ata o 31 de decembro de 2026. Cada tarxeta será válida para un único uso e o desconto non será acumulable con outras promocións. Para beneficiarse novamente del noutra repostaxe será necesario entregar unha nova tarxeta. Esta campaña será válida exclusivamente na estación de servizo do Grupo Valcarce en Ribadeo, que asumirá integramente o desconto de 0,10 euros por litro sobre o prezo marcado no surtidor”.

Pérez lembrou que “desde Acisa xa desenvolvemos esta iniciativa noutras ocasións, cunha excelente acollida, polo que decidimos recuperala durante dous meses. Facémolo ademais nun momento marcado polo elevado prezo dos carburantes e o encarecemento xeral do custo da vida. Parécenos importante impulsar campañas que, ademais de dinamizar a actividade comercial, permitan ofrecer pequenos descontos que, acumulados ao longo das diferentes repostaxes, contribúan ao aforro das familias, especialmente nunha época do ano na que aumentan os gastos e os desprazamentos”.

Carmen Cruzado destacou que “esta campaña chega nun momento especialmente interesante, xa que coincide con outras importantes iniciativas como a campaña das Panchas, a moeda local de Ribadeo; O Gran Sorteo do Pequeno Comercio, no que se sorteará un coche híbrido; e tamén co inicio da campaña de Nadal de Acisa coa nosa tradicional Festa do Comercio. Durante os próximos dous meses Ribadeo ofrecerá aos consumidores numerosas oportunidades de aforro e de conseguir importantes premios simplemente por mercar ou consumir nos establecementos locais. Agardamos que esta campaña Enche o depósito con Acisa teña unha gran acollida entre a veciñanza. Veñen semanas de moitos gastos por diante e toda axuda que poidamos prestar ás economías familiares ben recibida será”.

Presidenta e xerente sinalaron: “queremos que Ribadeo siga sendo un destino comercial atractivo e competitivo, tanto para os nosos veciños como para os visitantes. Con todas estas iniciativas demostramos que apostar polo comercio, a hostalaría e os servizos locais ten vantaxes, porque mercar e consumir en Ribadeo permite aforrar e tamén ten premio. Queremos agradecer especialmente a colaboración de Grupo Valcarce, que fai posible esta campaña asumindo integramente o custo dos descontos, e a colaboración da Xunta de Galicia e de Comercio Galego”.