“A dous pasos do Edén”, de Pura Salceda Carballeda, gaña o Premio de Novela Vilar Ponte, de Viveiro

O xurado do sétimo Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra A dous pasos do Edén, de Pura Salceda Carballeda, e nomear como finalista a novela Vera, de Ignacio Vidal Portabales.

Da novela gañadora, A dous pasos do Edén, o tribunal destacou “a habelencia para mergullarnos no límbico mundo hospitalario no que se move o protagonista, un paciente en diálise que rememora unha intensa vida amatoria mentres cruza o seu camiño cunha miríade de personaxes cos que coincide nas sesións de tratamento. Vidas que converxen nun purgatorio de salas de hospital no que acaban tecéndose redes de amizade e afectos que fan fortes a estes seres fronte ao horizonte dun final ameazante”.

En canto á obra finalista, Vera, o xurado salientou “a súa capacidade para introducirnos na vida dunha muller que fica soa cando o seu home marcha de cooperante a África. A orfandade sobrevida, as dificultades no trato familiar e social e a dubidosa esperanza dun futuro incerto gravitan no corazón desta historia fondamente emocional, inzada de ocultas perdas e inesperadas lumieiras”.

O tribunal do Premio Vilar Ponte estivo composto por Carlos Nuevo Cal (cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador), Rosalía Morlán Vieites (escritora e enfermeira) e Armando Requeixo Cuba (investigador, profesor e crítico literario). Actuou como secretaria, con voz e sen voto, María Rosario San Isidro Franco, traballadora do Concello de Viveiro, que levantou acta da sesión.

O Concello de Viveiro felicitou ás persoas galardoadas e agradeceu o labor rigoroso do xurado, así como a todos os autores e autoras que participaron nesta sétima edición do certame.