
A Casa da Cultura de Burela acollerá o domingo 6 de decembro ás 20:00 horas Aquí Uganda. Cando o ritmo esperta a alma, un espectáculo de Música para Salvar Vidas no que actuarán conxuntamente tres grupos artísticos vinculados á casa de familia que a entidade ten en Uganda: Los Ugandan Sticks, Las Natumayiini Girls e Los Niños de Uganda. “Tras o éxito do espectáculo de gospel que ofreceron o pasado mes de agosto, volven agora cunha versión en formato musical”, anuncia o Concello de Burela, que engade: “os nenos, nenas e mozos que viven na casa de familia atopan na arte unha ferramenta de sanación: a voz, a danza e a percusión axúdanlles a recuperar a autoestima, a confianza e a seguridade en si mesmos e no mundo. Hoxe convertéronse en artistas de gran nivel, que sobre o escenario transmiten tanto a súa profesionalidade como a súa calidade humana, nun espectáculo cheo de corazón e emoción”.
O Concello de Burela destaca que esta proposta “é unha oportunidade única para coñecer e valorar África, a súa xente, a súa cultura e os seus costumes, e para favorecer o achegamento entre persoas solidarias. O proxecto é, ademais, a realización dun soño feito realidade: o de Elisabeth Michot. As entradas teñen un prezo de 15 euros, e 10 euros para menores de 12 anos. Poden adquirirse en Arcadio Pardiñas, 86, e a través da plataforma giglon.com. A recadación destinarase a Música para Salvar Vidas, entidade á que tamén se pode apoiar cunha doazón mensual de 1 ou 2 euros a través de www.teaming.net/musicaparasalvarvidas".
Desde o Concello de Burela anímase á veciñanza “a non perder esta cita, que combina cultura, música e solidariedade”.


