En Viveiro celébrase ata o 15 de agosto a Feira do Libro, que inclúe actividades de promoción da lectura e encontros con escritoras e escritores.

O Concello de Viveiro celebra desde hoxe día 12, e ata o martes 15 nos Xardíns Noriega Varela a súa Feira do Libro 2023, cunha ampla oferta cultural, actividades para nenos e encontros con diferentes escritores e escritoras.

“Durante catro días, Viveiro será a capital do libro en Galicia e asistiremos ao encontro entre os escritores e escritoras que participarán na feira e os seus lectores, un momento sempre máxico”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

Os establecementos e entidades participantes nesta Feira do Libro de Viveiro son a Libraría Porta da Vila; Lar Libros-Editorial Canela; Libraría Cartabón; Libraría Aguirre; A Gata Tola; Libraría Pedreira; Librería Lume; Libraría Aenea; Librería Uróboros, e os stands do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e da Deputación de Lugo.

A pregoeira será Nazaret López e a pregoeira infantil Emily Sofía Castañeda. O programa desta Feira do Libro é moi amplo e variado, con presentación de libros e actividades para o público infantil, como espectáculos teatrais e contacontos.

“Como xa pasou en edicións anteriores desta feira, desde o concello é un pracer darlle protagonismo aos autores e autoras locais e do resto de Galicia na programación destes días, ademais de potenciar a promoción da lectura entre os nenos e nenas”, engade Loureiro.