
O Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo acolleu esta tarde a entrega dos premios aos gañadores do Ribadeo Sabe 2026.
A tapa de Kalpa Amodiño foi a elixida para o xurado profesional. E a tapa de El Oviedo foi a mellor para o público. O premio para o local gañador do xurado profesional é un curso no Basque Culinary Center e estancia en San Sebastián e diploma acreditativo. E o premio para o local gañador do xurado popular é unha visita máis cata en Bodega Regina Viarum, comida para dúas persoas no restaurante Vértigo (1 estrela Michelin) e diploma acreditativo.
Tamén se entregaron os premios ao público que participou nas votacións do Ribadeo Sabe e que resultaron agraciados no sorteo celebrado hai uns días no Concello. Foron tres as categorías establecidas e dotadas con 200, 150 e 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo e visita guiada cada unha a Bodegas Docampo, en Ribadavia, con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo. A culler de bronce foi para María Jesús Vior Fernández, a culler de prata para Javier Páez Pérez e a culler de ouro para Marcos Paleo Otero.
No acto de entrega participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Turismo, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o presidente da Asociación de Cociñeiros Lugo, Juan Rubiños. Nas intervencións agradeceron a implicación e o bo facer da hostalería local así como a participación do público nesta cita gastronómica.


