
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra o mércores 19 de novembro ás 19:00 horas no Auditorio Hernán Naval o seu tradicional concerto na honra de Santa Cecilia, patroa dos músicos. Será a primeira actividade que realiza neste curso escolar.
Polo escenario pasarán alumnas e alumnos da Escola que interpretarán obras de diversos estilos. Agrupacións de vento, corda, tecla, danza, entre outros, dan forma ao programa deste concerto, aberto ao público e gratuíto.
Esta actuación é a previa do festival de Nadal que a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebrará o 13 de decembro, tamén no Auditorio Municipal Hernán Naval e no que participará a maioría do alumnado do centro.


