O peche deste curso escolar 2023/24 trae consigo unha semana de intensa actividade na EMMeD.
Musiqueando polas parroquias en A Ponte-Arante. Segundo explicou o responsable da EMMeD, Hugo García, “continuando cun dos principais obxectivos do centro, que é ser motor socio-cultural do concello, a escola vén de programar esta pequena actuación en Arante o martes, 25 de xuño, ás 19:00 horas na Capela de Nosa Señora das Virtudes, para que as persoas que non residen no casco ribadense, e lles poida resultar máis complicado asistir ás actividades que a EMMeD habitualmente programa, as poidan coñecer máis de cerca. Farase unha mostra do traballo que leva feito unha parte do alumnado do centro ao longo do curso”.
O mércores, 26 de xuño, terá lugar un encontro orquestral no que participarán as Escolas de Música de Burela, Mondoñedo, Ribadeo, Xove e Forte Glissando, de Lugo. García contou que “o alumnado participante desfrutará dunha xornada de convivencia, na que ademais dos ensaios e concerto xa programados, realizarán unha visita guiada por Burela entre outras actividades. O que se busca con estas accións é fomentar as relacións entre os centros educativos e enriquecer a formación do alumnado. Como peche desta xornada, a agrupación que se forme dará un concerto ás 19:00 horas no Auditorio da Casa de Cultura de Burela, onde ofrecerán un variado repertorio de obras clásicas de diferentes épocas”.
O xoves, 27 de xuño, ás 18:30 horas terá lugar a actuación do alumnado de danza clásica da EMMeD que realizará unha pequena actuación no Quiosco, situado no Parque de San Francisco, que xa está consolidada dentro da programación estable do centro.
E xa o venres, 28 de xuño, como peche a toda a actividade, a EMMeD organiza unha xornada de portas abertas. Será en horario de 16:00 a 18:00 horas cando o profesorado do centro explicará as distintas disciplinas que se imparten na EMMeD, incluíndo unha pequena clase práctica, previa inscrición.
Segundo as materias, esta actividade estará dividida por idades:
-Música e movemento: nenas e nenos nados entre os anos 2020 e 2017.
-Práctica instrumental: nenos e nenas nadas a partires do 2016; adultos inclusive.
-Pre-Danza: nenas e nenos nados entre os anos 2020 e 2017.
-Danza clásica ou contemporánea: nenos e nenas nadas a partires do 2016.
As persoas asistentes poderán aproveitar esta oportunidade para probar e facelo de balde durante esa xornada, así como coñecer as instalacións e obter a información necesaria sobre o centro.
As inscricións para asistir a esta cita poden realizarse no enderezo electrónico esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.gal ata o 26 de xuño indicando nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e especialidades que quere coñecer.
A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, agradeceu “o traballo do claustro de profesores e do alumnado da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo”.