
Este sábado, 22 de novembro, terá lugar en Xove o cuarto sorteo da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, que organiza a FCAM. En xogo estarán outros 500 euros en vales de compra.
Desde a FCAM a súa presidenta, Carmen Cruzado, explica que “todas as persoas que desde o 17 ao 22 de novembro estean a facer as súas compras nos negocios asociados ao CCH de Viveiro e nos negocios de Xove poderán participar no sorteo. So teñen que achegarse entre as sete e as oito da tarde polo Centro Cívico de Xove, a obter as súas papeletas. Por cada tícket de compra que nos amosen recibirán un boleto para participar no sorteo que realizaremos a partir das 20:00 horas de mañá, sábado. Haberá tres premios en xogo en vales de compra de 250, 150 e 100 euros”.
Cruzado Iglesias lembra que “como sempre dicimos o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio e estámolo a facer traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, da escritura, do deporte ou do cine. Queremos que elas sexan un reclamo comercial e por iso veñen pasar unha fin de semana con nós”.
Ata Viveiro e Xove vanse achegar esta fin de semana: Jose Ribagorda, xornalista e escritor, editor e presentador de noticias durante máis de 30 anos en Telecinco e TVE, e creador da iniciativa gastronómica “De las cosas del comer”; Pepa Xastre, xornalista, subdirectora de Las Tardes de RNE. Antes muller de radio en Cadea Ser, Onda Cero e Punto Radio e foi tamén editora do Telediario 1 de TVE; Sergio Martín, xornalista, na actualidade traballa en Directo al Grano de TVE e en Las Tardes de RNE, foi director da Canle 24 Horas e director e presentador de La Noche en 24 Horas e Los desayunos de TVE; e Darío Martínez, xornalista e director do programa Luarca na Onda, de Onda Cero, desde hai 26 anos.
A presidenta da FCAM indica que “o que faremos este sábado será visitar xunto a estes convidados o comercio local de Viveiro e diferentes enclaves turísticos deste concello. Pola noitiña estaremos co sorteo en Xove. Esta visita servirá ademais para que saboreen a exquisita gastronomía desta terra”.
Desde a FCAM animan “á clientela dos negocios de Viveiro e de Xove a achegarse este sábado ao Centro Cívico de Xove ao cuarto sorteo da campaña da FCAM De compras polo comercio da Mariña Lucense, que está organizada por esta federación e conta co financiamento da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.


