Este xoves, 15 de outubro, volve o Sanci Tapeando, a proposta semanal da hostalería de San Ciprián (Cervo)

O Concello de Cervo anuncia que este xoves, día 15 de outubro, a hostalería de San Ciprián “volve poñerse en modo tapeo coa iniciativa Sanci Tapeando, unha proposta que ofrece cada xoves unha oportunidade para gozar da gastronomía local a un prezo accesible e nun ambiente de proximidade”.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Cervo, reúne aos establecementos Cervecería A Penúltima, Cervecería Las Titas, Bar Maruxaina, Bar O Faro, Terraza O Noso Lar, Bodega De Ana e Bar La Habana. Todos os xoves cada local ofrece unha tapa diferente e elaborada, ao prezo único de 3 euros. Ademais as persoas que participen na ruta gastronómica poderán optar ao sorteo mensual presencial, que irá rotando polos 7 locais participantes, explica o Concello de Cervo.

As persoas interesadas poden seguir semana a semana todas as tapas e novidades da ruta gastronómica a través da conta de Facebook Sanci Tapeando.

Desde o Concello de Cervo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta iniciativa, que “contribúe a dinamizar a hostalería local e a poñer en valor a variedade e a calidade da súa oferta gastronómica”.