A exposición “Os maragatos da Porta de San Pedro” está en Viveiro ata o 20 de xuño

A exposición Os maragatos da Porta de San Pedro, promovida polo Colectivo Egeria e a Fundación Pérez-Carro, foi inaugurada este venres na Biblioteca Pública Municipal de Viveiro. Poderá visitarse ata o 20 de xuño. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, e Xulio Xiz, do colectivo Egeria, foron os encargados de presentala.

A exposición está composta por doce paneis en galego e castelán que recollen a historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde o ano 1880. A través deles e dun catálogo gratuíto que se entrega aos visitantes afóndase na traxectoria comercial e social desta familia de orixe maragata e na súa vinculación coa cidade de Lugo.

“É unha honra para Viveiro acoller esta mostra que afonda na memoria dunha familia comprometida co comercio e co patrimonio humano de Galicia”, afirmou Mariña Gueimunde durante a presentación.

A iniciativa conta con impulso da terceira xeración da familia, con María del Carmen Pérez-Carro García como figura destacada, ao fronte do histórico establecemento comercial da rúa San Pedro, en Lugo.