Foz será escenario do 25 ao 29 de xuño do XI Campus de Patinaxe Artística.

A Delegación de Xuventude do Concello de Foz organiza a XI edición do Campus de Patinaxe Artística que terá lugar dos días 25 ao 29 deste mes de xuño. Na presentación, que tivo lugar hoxe na Casa da Xuventude, estiveron o alcalde focense, Javier Castiñeira; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero Méndez; o presidente da asociación Escolas do Deporte, Ibán García; e a directora do Campus, Rebeca García. 

O campus celebrarase, unha vez máis , nas instalacións do CEIP O Cantel, onde os nenos e nenas gozarán da patinaxe artística e de actividades complementarias en horario de 10:30 a 19:30 horas. Entre outras actividades complementarias haberá paseos en kaiaks, excursións, xogos tradicionais, inchables e xogos na praia.

Este campus está dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos de idade. As inscricións poden realizarse nos números de teléfono 686.10.59.17 e 636. 50.41.55 e o prazo remata este domingo, día 17.

A organización habilitará un autobús totalmente gratuíto que recorrerá a Mariña para trasladar a todos os participantes que necesiten este servizo.

A dirección técnica do campus correrá a cargo de Rebeca Díaz, adestradora nivel 2 de patinaxe artística, e de monitores titulados con ampla experiencia pertencentes a IG 10.  Ademais participarán patinadores de máximo nivel.