A gala do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros será o 30 de novembro

O circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025, promovido polo Concello de Barreiros, que sufraga os gastos do cronometraxe e seguros das probas, rematou esta fin de semana coa carreira popular Ao Son do Masma, celebrada en Celeiro de Mariñaos e organizada polo Colectivo Cultural Ollomao. Logo de disputarse as seis probas que integran o calendario; a carreira solidaria de Reis (xaneiro), a carreira das Praias, (abril), o 1/2 km Vertical (xullo), a carreira Benquerencia Terra-Mar (agosto), o trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro), resultaron vencedores absolutos/as Miriam Folgueira Rico e David Manuel Martínez Rodil. Completan o pódium feminino Romina Reimondo Gasalla (2ª) e Lourdes López Villar (3ª), mentres que na categoría masculina acompañan ao campión, Óscar Murado (2º) e Manuel Pérez (3º). A gala final de premiación celebrarase o domingo 30 de novembro na Praza do Concello de Barreiros, “onde se recoñecerá o esforzo das persoas participantes de todas as categorías”.

O Concello de Barreiros destaca que “a boa participación nesta cuarta edición do circuíto afianza o proxecto +KmsBarreiros como unha referencia, xa non só na Mariña lucense, se non tamén en toda a provincia e occidente de Asturias, no que se combina deporte, natureza e dinamización social.

As e os atletas das categorías de menores que completasen tres das cinco probas recibirán un obsequio, mentres que as e os gañadores das categorías de adultos obterán trofeos e premios en metálico.

En total repartiranse 1.000 euros en premios: 150, 100 e 75 para os tres primeiros postos das clasificacións absolutas, e 35 para as e os vencedores de cada categoría adulta. Ademais entregaranse trofeos especiais ás persoas que completasen as seis probas do circuíto, como recoñecemento á súa fidelidade e regularidade.

Desde o Concello de Barreiros agradecen a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e das asociacións organizadoras das probas Praias de Comado, Augas Santas de Barreiros e Ollomao, así como o apoio prestado pola agrupación de voluntarios de Protección Civil de Barreiros e o tecido empresarial que apoia estas iniciativas deportivas.

As clasificacións completas así como toda a información do circuíto pode consultarse na web www.maiskmsbarreiros.gal.