Loia Producións representa a obra “María Visitación Consolación Amadora” en Viveiro este sábado, 4 de outubro

A compañía Loia Producións representará a obra titulada María Visitación Consolación Amadora en Viveiro este sábado, día 4 de outubro. Será ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.

É unha obra teatral contemporánea para público adulto escrita e dirixida por Paloma Lugilde. Do elenco forman parte Aida Cobas, Clara Tallón e Miguel Varela.

O Concello de Viveiro anuncia a sinopse desta obra: “esta peza pretende amosar a vida desas mulleres que, dentro do contexto complexo que lles tocou vivir, conseguiron ter certa autonomía e incluso chegar a gañar máis que os homes en anos nos que isto era inaudito: as costureiras. Cómo reaccionou a sociedade ante este feito? Poñemos o foco en diferentes costureiras da Comarca da Ulloa, abordando o cooperativismo e a soidade, a costura como traballo e/ou expresión artística, a memoria e a industria téxtil … Elas creaban en harmonía co medio, remendando, tratando de compoñer traxes cos restos de teas, artellando da mellor maneira que podían co pouco que había, na contra da nosa actual cultura do usar e tirar. Elas compoñen parte do noso patrimonio cultural. Vai por elas”.

A entrada é gratuíta ata completar aforo e pódese facer a reserva de luns a xoves no teléfono 982.56.01.62 de 9 a 14:00 horas ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función.