Lourenzá acollerá unha actividade para aprender seguridade viaria o mércores 29 de xullo

O mércores 29 de xullo ás 19:30 horas a Praza do Conde Santo, de Lourenzá, acollerá unha nova actividade do programa Verán na Praza: Xogando a aprender: Seguridade Viaria, unha proposta gratuíta e dirixida a todas as idades.

O Concello de Lourenzá explica que “durante aproximadamente dúas horas os máis pequenos e pequenas poderán aprender de forma divertida as normas básicas de seguridade viaria a través de xogos, circuítos, sinalización e actividades prácticas, descubrindo tamén a importancia do uso do chaleco reflector e doutros elementos de protección. Esta actividade está organizada pola asociación Vespafaba Clásic@s Lourenzá, que ofrecerá unha xornada pensada para fomentar hábitos seguros desde a infancia nun ambiente lúdico e participativo”.

A organización solicita que os participantes nesta actividade que poidan vaian con bicicleta e casco.

O Concello de Lourenzá agradece á asociación Vespafaba Clásic@s Lourenzá “a súa implicación e disposición para colaborar unha vez máis coa programación do Verán na Praza. Do mesmo xeito queremos recoñecer e agradecer o labor de todo o tecido asociativo do noso concello, cuxa dedicación e compromiso fan posible unha programación variada, de calidade e pensada para toda a veciñanza”. E anima “a todas as familias a participar nesta actividade e a gozar dunha tarde na que aprender e divertirse irán da man”.