“Lugo de corazón a corazón” leva a prevención cardiovascular aos concellos de A Pontenova, Foz, O Vicedo, Trabada e Barreiros

A iniciativa denominada Lugo de corazón a corazón achega información e formación sobre hábitos saudables, control dos factores de risco e actuación ante unha emerxencia cardiovascular a persoas de 16 concellos da provincia. O proxecto conta cunha subvención nominativa de 8.217,50 euros da Deputación de Lugo, que explica: “a iniciativa, promovida pola Asociación Lucense de Cardioloxía (ACARLU), busca facilitar o acceso a coñecementos e ferramentas de prevención e autocuidado tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos”. Charlas e coloquios sobre saúde cardiovascular, alimentación, medicación, sinais de alerta e hábitos saudables; formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) e utilización de desfibriladores; compleméntanse con actividades físicas adaptadas, camiñadas e espazos de apoio e intercambio de experiencias entre persoas que viven ou viviron situacións cardiovasculares. En total, 16 intervencións presenciais que se desenvolverán a partir deste mes e ata a primavera en diferentes concellos da provincia”. Na Mariña serán en A  Pontenova, Foz, O Vicedo, Trabada e Barreiros, onde a veciñanza “aprenderá a través desta iniciativa que incorpora o modelo de acompañamento de doente a doente, no que persoas con experiencia propia contribúen ao apoio e á educación doutras persoas afectadas”.

A presidenta da Deputación, Carmela López, e o responsable da asociación, Francisco Villanueva, asinaron o convenio e despois baixaron á mesa informativa que ten este venres, 9 de outubro, o colectivo na Praza de San Marcos. Á marxe da colaboración con ACARLU, a Deputación anuncia que “está a preparar a renovación da formación en cardioprotección ao persoal da institución. Así mesmo está a ultimar un informe sobre os medios dos que dispoñe os 67 concellos da provincia neste eido, co fin de axudarlles a equiparse e a formarse”.