Máis de 30 establecementos participarán en Ribadeo no Black Friday de Acisa do 27 ao 29 de novembro

Máis de 30 establecementos de Ribadeo participarán na campaña do Black Friday, que se desenvolverá do 27 ao 29 de novembro, con grandes descontos e promocións. Acisa convida á veciñanza de toda a contorna a aproveitar esta oportunidade e toda a oferta comercial e gastronómica da vindeira fin de semana.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou: “presentamos unha nova edición da campaña do Black Friday, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de novembro, coa participación de máis de 30 establecementos comerciais da vila, que ofrecerán descontos especiais e promocións exclusivas co obxectivo de dinamizar a actividade comercial, fomentar as compras de proximidade e reforzar o tecido económico local. Os establecementos participantes ofrecerán descontos en moda, calzado, complementos, deporte, decoración, óptica, saúde, beleza e moito máis. A ampla variedade de comercios adheridos garante unha oferta diversa e atractiva para todas as idades e necesidades. O Black Friday sempre é unha campaña que funciona moi ben no comercio ribadense e agardamos que nesta edición se manteña esa boa resposta da clientela”.

O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, destacou que “esta campaña non só pretende atraer clientela durante estas datas sinaladas, senón tamén concienciar sobre a importancia de apostar polo comercio de proximidade, un sector fundamental para o emprego, a vida urbana e a identidade de Ribadeo. Cada compra realizada aquí repercute directamente na economía da nosa comunidade, contribúe a manter os negocios e os postos de traballo e axuda a que Ribadeo siga sendo un referente comercial e turístico”.

Pérez Prada sinalou que “durante esta edición do Black Friday os establecementos participantes ofrecerán unha ampla variedade de promocións, entre as que destacan descontos do 10 %, 15 %, 20 % e ata o 60 % en moda, calzado, complementos, artigos deportivos, decoración e produtos de tempada. Tamén haberá ofertas de 2x1 en artigos seleccionados, liquidacións especiais con prezos moi reducidos, descontos en determinadas marcas, promocións exclusivas para días concretos e mesmo agasallos directos por compra. Trátase dunha proposta completa e diversa que permitirá á clientela atopar grandes oportunidades e aforrar nas súas compras, ao tempo que apoia e dinamiza o comercio local de Ribadeo”.

A presidenta de ACISA engadiu que “os establecementos participantes nesta edición do Black Friday de Acisa son: Vitaldent, Calzados La Moda, La Moda Básico, Ginzo, Terra Branca, Quero Colo, Sendín, Sanjurjo, Bora Bora, Bodegas Ribeirao, Atleet, Miss-Tic, Opticalia, Óptica Miró, Capturas Pesca, Galán, Beep, Anais, La Coqueta, Mimimó, Mercería Torviso, Deportes Docobo, Imagen 365, Ohana, Grisi, Nana, Farfala Kids, Glass, A Flote, Boutique Pippol's, Casa Mandaina e Óptica Carreira. As ofertas e promocións concretas de cada establecemento poderán consultarse na páxina web e nas redes sociais da asociación”.

A campaña do Black Friday está organizada por ACISA Ribadeo e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.

Este Black Friday será “especialmente atractivo porque coincide con varias campañas comerciais que xa están en marcha en Ribadeo”. Neste sentido Pérez Prada sinalou que “a campaña do Black Friday coincide coa circulación da moeda local, a Pancha, unha ferramenta destinada a estimular o consumo nos establecementos ribadenses. Durante estes días, as persoas que dispoñan de Panchas poderán utilizalas nos negocios adheridos e aproveitar tamén os descontos do Black Friday. Isto significa que o aforro pode ser dobre: por unha banda, o que xa ofrece a propia moeda local e por outra, os descontos especiais aplicados polos comercios. Por se isto fose pouco, debemos lembrar que estamos nos últimos días para participar no Gran Sorteo do Pequeno Comercio, no que se sortea un coche híbrido e no que se pode participar rexistrando as compras realizadas na páxina web da campaña. E continúa Enche o Depósito con Acisa, unha iniciativa coa que os establecementos asociados entregan gratuitamente tarxetas de desconto de 10 céntimos por litro de combustible para utilizar na estación de servizo Valcarce de Ribadeo”.

Cruzado Iglesias engadiu que “a todo isto debemos sumar que o sábado e o domingo se celebrarán tamén en Ribadeo as Xornadas Gastronómicas dos Torresmos de Porco Celta, polo que temos por diante unha fin de semana moi completa, con grandes descontos no comercio, diferentes posibilidades de aforro, sorteos e unha atractiva oferta gastronómica. En definitiva, contamos con todos os ingredientes para que Ribadeo sexa un destino ideal para pasar a fin de semana, facer as compras e desfrutar da nosa hostalaría. Convidamos tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan desde outros puntos da Mariña, Asturias e outros lugares de Galicia a que se acheguen a Ribadeo e aproveiten todas estas oportunidades”.

Presidenta e xerente insisten en que “os pobos teñen vida grazas ao seu tecido empresarial e non nos cansamos de repetilo. Sen negocios locais, os pobos perden actividade, emprego, servizos e vida nas súas rúas. Non podemos permitir que iso suceda. Por iso, campañas como esta son importantes, non só polos descontos que ofrecen, senón tamén porque nos permiten lembrar á cidadanía que mercar no comercio local é investir directamente no futuro de Ribadeo”.