
A compañía teatral Malasombra Producións representará en Viveiro a obra titulada O proceso. Será este sábado, día 28 de febreiro, ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.
É unha comedia para público adulto (maiores de 14 anos) escrita e dirixida por Candido Pazó. O elenco artístico está formado por Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal.
A sinopse é a seguinte: “1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado. A partir destes feitos históricos Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado lawfare, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade. Un espectáculo no que tres actores e unha actriz encarnan once personaxes distintos: figuras populares coma un zapateiro, unha lavandeira, un taberneiro ou un músico militar; figuras burguesas coma un boticario e a súa devota e espelida esposa; figuras institucionais coma un crego, un bispo e un xuíz; a figura intelectual do propio Curros Enríquez; e unha figura fantástica: a do maio de flores cuberto, símbolo de esperanza ao que o propio escritor dedicou un dos seus máis celebres e musicados poemas. Para escribir esta peza tomouse como punto de partida e documentación básica a publicación do Consello da Cultura Galega e o Ilustre Colexio de Avogados de Ourense na que, baixo o título O proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880 – 1881), se recollen as actas oficiais do referido proceso, un prólogo de Miguel A. González Trigas e un estudio introdutorio de Benito Montero Prego”, explica o Concello de Viveiro.


