
O colectivo Mariña Patrimonio organiza para o mércores 22 de abril ás 20:00 horas na Sala Multiusos da Casa do Concello de Viveiro a conferencia titulada A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía. A charla correrá a cargo de Rebeca Blanco Rotea e Francisco Alonso Toucido, arqueólogos responsables da escavación realizada en 2021 na Cova de San Xoán Vello, en Covas (Viveiro).
Mariña Patrimonio anuncia que “durante a conferencia daranse a coñecer os resultados da intervención arqueolóxica, así como os principais achados obtidos nos traballos de escavación. A actividade permitirá achegar ao público un mellor coñecemento da historia e do valor patrimonial deste enclave singular do litoral viveirense”.
Con esta iniciativa Mariña Patrimonio quere “contribuír á divulgación do patrimonio cultural da comarca e favorecer o coñecemento público dun lugar de grande interese histórico e arqueolóxico”.
O acto conta coa colaboración do Concello de Viveiro e da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.


