
O colectivo Mariña Patrimonio convida a todas as persoas interesadas a participar no acto público de presentación das escavacións arqueolóxicas que se están a realizar en Santo Estevo do Ermo, no municipio de Barreiros. A cita será este xoves, día 18 de setembro, ás cinco da tarde.
“Durante a visita os arqueólogos responsables da intervención explicarán o traballo realizado estes días e amosarán os principais achados. Con este encontro preténdese compartir cos asistentes os avances da investigación e destacar a importancia de Santo Estevo polo seu valor patrimonial e arqueolóxico”, explica Mariña Patrimonio.
A intervención arqueolóxica está promovida por Mariña Patrimonio, co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e coa colaboración do Concello de Barreiros. Tamén participan a Eira da Xoana-ADEGA e a Irmandade de Santo Estevo do Ermo.