
Preto de corenta negocios asociados a Acisa Ribadeo colaboran durante estes días coa recollida anual de donativos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o vindeiro 19 de outubro.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Jesús Pérez, explicou que “un ano máis Acisa Ribadeo colabora coa Asociación Española de Loita Contra o Cancro nesta importante iniciativa solidaria. Durante esta semana de outubro, preto de corenta negocios asociados contan con huchas para a recollida de donativos destinados a este colectivo. Esta campaña desenvólvese coincidindo coa celebración do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, unha xornada na que se pon de manifesto a importancia da investigación, da ciencia, da prevención, da detección precoz e da atención ás persoas afectadas por esta enfermidade”.
Pérez indicou que “son necesarios recursos para seguir investigando, avanzando na prevención e mellorando os tratamentos, pero tamén para acompañar e apoiar ás mulleres que padecen esta enfermidade e ás súas familias. Por iso, desde Acisa facemos un chamamento moi especial a toda a cidadanía para que colabore na medida das súas posibilidades. Calquera achega, por pequena que sexa, é importante e contribúe a unha causa que nos afecta a todos”.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, lembrou: “esta é unha campaña que repetimos cada ano e que sempre conta cunha resposta moi positiva tanto por parte dos nosos asociados como da cidadanía. Xeralmente finalizamos esta iniciativa moi satisfeitos coa recadación conseguida e gustaríanos que este ano puidésemos superarnos. O comercio e a hostalería de Ribadeo demostran unha vez máis que, ademais de xerar actividade económica e emprego, tamén están comprometidos coas causas sociais e solidarias”.
Cruzado Iglesias engadiu que “as persoas que desexen colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro poden deixar os seus donativos nos seguintes establecementos: Agora, Mercería Torviso, Galipizza, Mar de Rinlo, Asador La Quinta, O Cabazo, Galán, Opticalia, Sanjurjo, Calzados La Moda, La Moda Básico, Restaurante Javier Montero, Siñeiro, La Coqueta, El Indiano, Ohana, Sendín, La Florida, Xeito, Fauna, For Friends, Anais, La Solana, Lucía Barro, Quero Colo, Susana Moreira, By Hortensia, A Flote, Atleet Ribadeo, Grisi, Farmacia Álvarez Lebredo, El Huerto, Carnicería San Miguel, Xoguetería Bahía, Casa Mandarina e Naná”.
A presidenta dixo tamén: “desde ACISA queremos agradecer expresamente a colaboración de todos estes establecementos, que se sumaron de maneira desinteresada á campaña, así como á AECC de Ribadeo, que nos permite un ano máis poñer o noso pequeno gran de area nesta importante causa”.


