O 1 de outubro terá lugar a VIII Carreira Popular Val das Fabas. A Deputación de Lugo colabora co Concello de Lourenzá na súa organización.

A Deputada Provincial pola Comarca da Mariña, Mayra García Bermúdez, a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, e o Concelleiro de Deportes, Francisco Dasilva Rivas, xunto a outras autoridades, presentaron este xoves a VIII Carreira Popular Val das Fabas, que terá lugar o vindeiro domingo 1 de outubro.

O organismo provincial colabora co Concello de Lourenzá na organización desta cita cunha achega de 8.000 euros, coa que tamén contribúe á celebración doutros eventos deportivos no municipio como o XXI Día da Bici, a Marcha Cicloturista ou aMilla Popular Concello de Lourenzá.

García Bermúdez subliñou que “unha vez máis colaboramos co Concello de Lourenzá na celebración dun evento deportivo que, polas súas características, logra reunir a toda a veciñanza do municipio e da contorna. De feito, nestes momentos xa hai máis de 150 persoas de todas as idades apuntadas para participarna proba, que de seguro repetirá o éxito de anteriores edicións”.

A Deputada engadiu que “apoiamos este evento dentro da nosa aposta por potenciar cada un dos recursos dos nosos Concellos como un valor diferencial que nos converten nunha provincia única, que cambia de recuncho a recuncho, e que é capaz de ofrecer unha oferta turística totalmente diferente. Precisamente, esta é unha das liñas de traballo que define o primeiro Plan Estratéxico de Turismo na provincia, totalmente participativo, que fixemos dende o Goberno da Deputación, co obxectivo de xerar riqueza e dinamizar o emprego a través do turismo”.

Probas e inscricións
Haberá dúas probas, unha para categorías menores (pitufos, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil-promesa), con saída ás 10:00 horas; e a proba absoluta, de 6.310 metros, con saída ás 11:00 horas. Ao finalizar as carreiras, entregaranse trofeos para os primeiros clasificados de todas as categorías, e agasallarase cunha camiseta e un saco de fabas a todos os participantes.

Os interesados en participar poden inscribirse a través da web www.championchipnorte.com, o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro mércores 27 de setembro.