
O Concello de Viveiro anuncia que o I Concurso de Tute e Xogos de Mesa continuará os vindeiros 14 de novembro e 12 de decembro, sábados, tras a celebración da súa primeira xornada o pasado sábado 24 de outubro. As dúas novas citas terán lugar no salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro, coa apertura da sala prevista para as 17:00 horas.
A actividade inclúe un torneo de tute por parellas e un espazo de xogos de mesa no que as persoas asistentes “poderán gozar libremente do tute, parchís e outros xogos, sen necesidade de inscrición para esta última modalidade”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “os emparellamentos do torneo, nos que se indicará contra que parella deberá xogar cada participante, poderán consultarse nun cartel situado na porta de acceso ao salón de actos onde se celebra a actividade, tanto na segunda como na terceira xornada”.
O Concello de Viveiro tamén indica que a programación “está dirixida especialmente ás persoas maiores, aínda que permanece aberta á participación de todas as idades, ofrecendo un espazo de encontro e convivencia arredor dos xogos tradicionais”.


