O 3 de febreiro terá lugar unha gala benéfica en Alfoz a favor da Asociación de Loita contra o Cancro.

O 3 de febreiro de 2018 celebrarase en Finca Galea de Alfoz unha gala benéfica a favor da Asociación Española Contra o Cancro (Aecc). O evento está promovido por un grupo de veciñas e veciños de Alfoz interesados en colaborar coa xunta provincial da Aecc en Lugo, que xa organizaron a gala deste mesmo ano e contan para a vindeira con varias incorporacións.

Unha desas incorporacións é a de Ana Carballo quen di que “todos e cada un de nós temos algo en común, unha loita que afecta tanto aos nosos seres queridos como a nós mesmos, e por iso unímonos por unha boa causa”.

Como novidade este ano, aquelas persoas interesadas en colaborar que non poidan asistir, teñen oportunidade de mercar os tiquets da cea para un asento na mesa cero, na que se dará a posibilidade de poñer nunha pantalla as fotos dos asistentes a dita mesa.

Os beneficios obtidos na recadación da cea, 5 euros de donativo por comensal, serán entregados á Asociación Española contra o Cancro. Ademais tamén se lle fará entrega a esta asociación dos beneficios obtidos da venta de rifas durante o evento, no que se sortearán os agasallos doados por diferentes locais comerciais.