O belén xigante “Viveiro ante o Berce” inaugurarase este venres, 5 de decembro

O Concello de Viveiro inaugura este venres, día 5 de decembro, o tradicional belén xigante Viveiro ante o Berce. A programación dará comezo ás 18.30 horas co acendido das luces de Nadal na Praza Maior. A continuación, ás 19.00 horas, levarase a cabo a inauguración oficial do belén no adro de Santa María. Para completar a xornada, arredor das 19.30 horas, ofrecerase unha chocolatada na Praza Maior.

O belén Viveiro ante o Berce caracterízase polas súas figuras a tamaño natural, que recrean escenas bíblicas como o Nacemento de Xesús, a Anunciación aos Pastores, a Anunciación á Virxe, a visita dos Reis Magos, a Matanza dos Inocentes ou a sala do trono de Herodes. Cada escena conta cun atril no que repousa un libro do Novo Testamento, aberto no capítulo e versículo correspondentes co gallo de facilitar unha lectura contextualizada do relato representado.

O Concello de Viveiro explica que “a mostra instálase no entorno da igrexa de Santa María e completarase cun amplo mercado ambientado na vida da época, no que se representan algúns oficios tradicionais. Entre eles, figuran ferreiros, canteiros, pastores, viticultores, carpinteiros de ribeira, vidreiros, tintureiros, panadeiros, mariñeiros, lavandeiras ou un secadoiro de bacallau. Xunto a estes elementos destacan tamén as figuras dos Reis Magos de Oriente, a Sagrada Familia e Herodes. Cada ano, o Belén incorpora novas escenas e elementos decorativos, o que o ten consolidado como unha das propostas máis representativas do Nadal viveirense”.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, salientou a importancia cultural e social deste belén: “Viveiro ante o Berce é unha tradición que une xeracións e que representa o agarimo coa que a nosa cidade celebra o Nadal. É unha oportunidade para recuperar a memoria colectiva, para atraer visitantes e para compartir un espazo que simboliza convivencia, cultura e identidade”.